Traductor

luns, 18 de maio de 2020

Numeración

A numeración é a consecución dun número tras outro. De moi pequenos comezamos a ter contacto cos números cando aprendemos a representar os nosos anos cos dedos das mans, cando contamos dous ollos, dúas orellas, un nariz e unha boca, ...
É importante que a medida que aprendemos a contar, establezamos unha relación entre a grafía de cada número e a cantidade que este representa. Esta será unha das bases máis importantes para a aprendizaxe das matemáticas.

Neste sentido vos amoso dous dos primeiros materiais que realicei para a aula de PT, podedes imprimilos, recortalos e plastificalos se queredes que vos aguanten máis tempo.   
  • Crebacabezas número – cantidade, pódese traballar a modo de crebacabezas recortando pola liña descontinua.
  • Número – cantidade, cada tarxeta ten un número do 1 ao 10, haberá que colocar tantos garavanzos, pompóns, ..., como indique o número da tarxeta.                       
                                 

Dun xeito máis caseiro, con pinzas de tender a roupa, ademais pódese traballar a motricidade fina; colleremos un cartón ou algún papel que teñamos pola casa, escribiremos un número e haberá que colocar tantas pinzas como o número nos indique. 

Tamén, se tedes un cartón de ovos, podedes pintar un número en cada oco co fin de colocar tantos elementos dentro como indica o número aí escrito. Podedes traballar con garavanzos, pompóns, boliñas de plastilina, lentellas, ... calquera cousiña que atopedes na casa.
 
Outra opción é empregar vasiños de iogur. Cada vaso terá un número pintado, e dentro haberá que colocar paliños de polo, palliñas, calquera elemento que sirva para cuantificar.

Agardo que contedes moito...!

Ningún comentario:

Publicar un comentario