Traductor

Amosando publicacións coa etiqueta Atención. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Atención. Amosar todas as publicacións

martes, 9 de xuño de 2020

Comprendo a información

Un dos obxectivos máis importantes á hora entender o medio que nos rodea, é extraer a información no formato que esta se nos presente.


Cando facemos a compra nun supermercado temos que atender á letra pequena das etiquetas para coñecer toda a información que dese produto deriva: data de envasado, de caducidade, compoñentes nutricionais, posibles alérxenos, ...


Se temos que realizar algún formalismo, sexa no banco, no concello, no centro de saúde ou no centro educativo, perdémonos con toda a información que se nos pide, moitas veces son datos sinxelos, pero outras veces non tanto.
Para intentar adestrar á nosa cativada para a comprensión da información independentemente do formato no que se nos amose, resulta de moita utilidade poñelos ante situacións reais, sempre atendendo á súa idade.
Unha destas situacións prácticas pode ser no supermercado: pedirémoslles que nos localicen tal produto, sendo este da característica que nos lle indiquemos. Ou que nos miren o prezo dunha froita. Ou que nos busquen as galletas que non teñan glute, ...


Se imos pola rúa, podemos pedirlles que miren o horario dun establecemento, ou o que se nos indica con tal sinal de tráfico, ... Podemos pedirlles tamén que se fixen nas nubes ou nas pólas das árbores para saber se hai vento, se podería chover, ...



En definitiva, é importante que desde moi pequenos vaiamos transmitíndolle a importancia da observación, sendo esta un factor clave para atopar e interpretar a información.
Déixovos un material interactivo, atopado en ARASAAC e adaptado ao galego, para traballar este aspecto tan importante, a observación e comprensión da información que nos facilitan.

Anímovos a ser grandes observadores!

venres, 24 de abril de 2020

Adestramos a nosa atención



A atención é como unha lanterna, axúdanos a ver o que enfocamos. Se estamos nunha habitación ás escuras e alumamos cunha lanterna, só poderemos ver a parte que esta ilumina. Do mesmo xeito, cando centramos a nosa atención sobre o que hai que facer, estamos axudando aos nosos ollos a iluminar o que buscamos.




Igual que os músculos do noso corpo se poden exercitar e fortalecer cuns exercicios específicos, tamén podemos adestrar a nosa atención, centrando os nosos sentidos segundo necesitemos: ver, escoitar, saborear, ulir ou sentir uns estímulos sobre outros.

Para adestrar a vosa atención, deixámosvos algunha proposta:
  • Estando nunha habitación onde poida haber moito barullo, Intentade centrar os vosos oídos nunha única voz, intentando seguir o que di.
  • Cando compartades o xantar coa vosa familia, e metades un anaco de comida na boca, intentade descubrir os distintos sabores que tedes na boca.
  • Mirando pola ventá da vosa casa, intentade diferenciar entre os distintos obxectos ou cousas que vedes.
  • Recorrede a vosa casa en busca de distintos olores: xabón, colonias, comidas, lixo, ...
  • Facede unha lista coas cousas que vos fan poñer a pel de galiña: cóxegas, frío, un esbirro, ...

No seguinte enlace deixámosvos unha recompilación de fichas (recollidas de Orientación Andújar) para axudar ao voso cerebro a adestrar a atención:
Por último, é moi importante ter presente os seguintes pasos na resolución de calquera tarefa:
  1. Saber/entender o que se pide.
  2. Pensar na súa solución
  3. Solucionalo
  4. Revisar a solución