Traductor

luns, 8 de xuño de 2020

A linguaxe descritiva

Imos a propoñervos varias actividades para practicar a descrición ou linguaxe descritiva xa dende as primeiras idades.

Describir é explicar ou narrar de forma detallada e ordenada como son as persoas, os animais, os lugares, os obxectos e os sentimentos.

Tal e como nos di Isabel Bermejo, describir é "pintar con palabras", e serve, ademais, para traballar vocabulario, expresión e comprensión oral e escrita.





ACTIVIDADE Nº1. A autora desta actividade é Sandra López Abós, de "Comienza La Aventura". Contén varios círculos nos que aparecen características coma "forma", "tamaño", "cor", e "uso", ademais dun total de corenta tarxetas con fotografías de obxectos reais para describir.

PREPARACIÓN DA ACTIVIDADE:


Deberedes imprimir os catro círculos de cores, recortalos, se queredes plastificalos ou pegarlles forro adhesivo para que teñan unha maior consistencia e duración, e preparar pinzas da roupa ou pinzas pequenas de papelería.
As tarxetas non é necesaro que as imprimades, xa que pode ser suficiente con ilas vendo na pantalla do ordenador.

COMO SE XOGA?

O/A neno/a observará ou collerá unha tarxeta e irá colocando as pinzas en cada un dos círculos que indican as diferentes categorías. Por exemplo, se colle a tarxeta do peluche do monstro, colocará unha pinza na cor verde, na forma irregular, en que se emprega para divertirse e en que é de tamaño mediano.
Incluso se podería facer á inversa: Colocar pinzas nas diversas características e dar a elexir ao neno entre varias tarxetas de obxectos para que escolla a que lle corresponde a esa descrición.



ACTIVIDADE Nº2. Agora ofrecémosvos un enlace a unha actividade interactiva para nenos máis maiores, a partir de terceiro curso de Educación Primaria, creada por "el lapicero mágico". Consta de catro apartados: 

1º: Descrición dun personaxe.
2º: Descrición dun lugar.
3º: Descrición de animais.
4º: Descrición de paisaxes.

ACTIVIDADE Nº3. Daniel Hernández Ruiz preséntanos estas cinco actividades interactivas consistentes en aprender a describir de forma física ás persoas:

1- "Descripciones del físico equivocadas", aparece unha descrición con erros e unha fotografía. Observando a fotografía da persoa, trátase de atopar o erro do texto.
2- "¿Quién es?", aparece unha descrición e dúas fotografías. Os vosos/as fillos/as deberán ler a descrición e conforme a ela clicar na fotografía que crean que é a correcta.
3- "¿Quién es quién?", xogarán a adiviñar o personaxe escondido a través dunha serie de preguntas.
4- Memory das descricións físicas.
5- Expresión oral ou escrita.

ACTIVIDADE Nº4. A última das actividades emprega as figuras dos superheroes e as súas descricións. Está elaborada por @caperucitafucsia do blog http://caperucitafucsia.blogspot.com e consta de dezaseis tarxetas con superheroes e as súas descricións e, por outra, seis tarxetas con preguntas sobre as súas características.

PREPARACIÓN DA ACTIVIDADE:

Deberedes imprimir as tarxetas dos superheroes e as das preguntas e despois recortalas. Se queredes pódense plastificar ou forrar con forro adhesivo.

COMO SE XOGA?

Poderase xogar en parella ou en familia.
Deberanse poñer todas as cartas boca abaixo nunha mesa ou no chan e os/as nenos/as terán que escoller unha carta dun superheroe ao azar e ler a súa descrición. Posteriormente, deberán que ir levantando as diferentes preguntas e ir respondéndoas para ese superheroe.
O seguinte xogador escollerá outro ata e realizará os mesmos pasos ca o anterior, así ata completalos todos.



Esperamos que vos gusten!

"La imaginación es una función de la experiencia."- Gianni Rodari 

Ningún comentario:

Publicar un comentario